Tuesday 21 de May de 2024

O CIM de Ribeira organiza distintos actos e obradoiros con motivo do 8M


A concelleira de Igualdade, Cruz Rivadulla, a concelleira de Cultura, Antía Alberte e a responsable do CIM de Ribeira, Loli Crujeiras, presentaron hoxe os actos que terán lugar a vindeira semana con motivo do Día Internacional da Muller.

O 4 e o 5 de marzo terán lugar o obradoiro “As mulleres que nos constrúen”, dirixido ao alumnado de primaria co CEP Plurilingüe de Carreira e o CEP Plurilingüe de Artes, e o 6 de marzo celebrarase o contacontos “Cabaleira” dirixido ao alumnado de primaria no Auditorio Municipal. “Esta programación ten como propósito educar e celebrar a diversidade, destancando o poder da igualdade de xénero e o papel fundamental da muller na sociedade.” explicou a concelleira Cruz Rivadulla.

O día 7 de marzo o Centro de Información á Muller de Ribeira organiza un obradoiro gratuíto de Bixutería e Reciclaxe con Lixo Atelier, para o que será preciso inscribirse no mail ribeiradinonvx@ribeira.gal.

O día 8 celebrarase un Homenaxe ás mulleres das Artes Plásticas no Auditorio Municipal ás 12:00 coa intervención da escultora Soledad Penalta e a escritora Patricia Torrado. Loli Crujeiras animou a participar nesta homenaxe “a tódalas mulleres que teñan unha traxectoria ou faceta artística na súa vida, aínda que non sexa exclusiva”.

A concelleira de Cultura Antía Alberte, lembrou que o programa do Marzo Cultural comeza hoxe coa inauguración da mostra EmpoderArte no C.C. Lustres Rivas, unha exposición colectiva de mulleres artistas locais. A concelleira destacou a “necesidade de integrar o feminismo de forma transversal en todas as políticas e actividades desenvolvidas no ámbito municipal” e o compromiso “deste equipo de goberno a adoptar un enfoque feminista en todas as nosas iniciativas”.